Friday 26 de April de 2024

A Xunta comezará este luns novos traballos de limpeza nas marxes de catro estradas autonómicas nas provincias de Lugo e da Coruña


― Iniciaranse estas tarefas na estrada LU-172, en Muras; na LU-540 en Muras e Xermade; na LU-120 ao seu paso por Vilalba, Cospeito, A Pastoriza e Castro de Rei; e na vía de alta prestacións Cee-Sardiñeiro, en Fisterra

 

― As actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas, e a reforzar a seguridade viaria, pois a limpeza das vías aumenta a visibilidade e afasta da calzada animais como xabarís ou corzos

― A Xunta leva investidos, desde o ano 2018, un total de 6,8 M€ nas tarefas de control da biomasa nas vías autonómicas, realizadas a través de Seaga

A Xunta comeza este luns novas tarefas de limpeza nas marxes de catro estradas autonómicas nas provincias de Lugo e da Coruña. Ademais continuará coas tarefas iniciadas nas últimas semanas nas estradas da provincia de Ourense e de Pontevedra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, ás que destina un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

No marco destas actuacións, esta vindeira semana iniciaranse estes traballos na LU-172, en Muras; na LU-540 en Muras e Xermade; e na LU-120 ao seu paso por Vilalba, Cospeito, A Pastoriza e Castro de Rei. En paralelo, comezarán as tarefas na vía de alta capacidade VG-1.2 Cee-Sardiñeiro, en Fisterra.

Tamén continuarán os traballos na estrada que une Mosqueiros (AP-53) e Santa Lucía (N-525), a CG-1.6; na AC-116 en Valdoviño e Meirás; na vía de alta prestacións CG-2.2, en Lugo e Sarria; na estrada OU-801, en Cortegada; e na vía de altas prestacións que conecta Lourizán e Ardán, ao paso polos concellos de Pontevedra e de Marín.

Seguridade viaria
Estas actuacións completan as que a Xunta realiza ao longo do ano mediante os servizos ordinarios de conservación de estradas. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.

As tarefas contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.
Este contrato tamén posibilitará dar cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.
A Xunta intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas autonómicas, engadindo aos medios da súa conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga. Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 o Goberno galego leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.